Sunday 28 de April de 2024

Unicamente o 16% dos animais acollidos na Canceira Municipal contan co microchip de identificación obrigatorio por lei


O Concello de Carballo puxo en marcha este ano unha campaña de adopción co lema “A amizade non se compra”

Aínda que a identificación dos cans mediante microchip é obrigatoria por lei dende o ano 2003, só o 16% dos animais que son acollidos na Canceira Municipal de Carballo contan con el. Este sistema de identificación electrónico permitiría saber de quen é o can, de maneira que facilitaría o retorno ao fogar no caso de perda ou a localización do responsable no caso de abandono, pero o incumprimento da lei impídeo e os animais permanecen nas instalacións municipais ata que son adoptados ou morren. Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Animal sen Fogar, dende o Concello de Carballo queremos facer un chamamento á responsabilidade das persoas propietarias de mascotas e insistir nesta mensaxe: A amizade non se compra. Adopta.

A Canceira Municipal de Carballo está situada no polígono industrial de Bértoa, xunto ao punto limpo, e próxima a unha zona arborizada que se utiliza para os paseos diarios dos animais. As instalacións teñen capacidade para 10 cans, e sempre están cheas. Ademais do coidado dos animais, a empresa concesionaria do servizo encárgase de todas as xestións administrativas para as adopcións, lacería, etc. Todo iso supón un custo anual que rolda os 100.000 euros.

A canceira está xestionada pola UTE Urbaser-Servigal. O contrato asinouse no ano 2012 e ten unha vixencia de 16 anos, con posibilidade de 2 máis de prórroga. Nestes primeiros dez anos de concesión (ata finais do 2021) foron acollidos 835 cans e 61 gatos da vía pública, é dicir, 896 animais, dos que foron adoptados 258 (30,89%) e outros 220 (26,34%) foron reclamados polos seus propietarios. Só 134 tiñan chip.

Como o espazo non dá para máis, os cans son enviados ao Hotel do Can, unha instalación privada na que hai uns 20 cans máis recollidos polo servizo de lacería do Concello de Carballo. O mantemento deses animais aloxados en instalacións externas supón un gasto anual próximo aos 40.000 euros.
Algúns cans levan máis dun ano na Canceira Municipal ou no Hotel do Can agardando ser acollido por unha familia. Por iso, este ano decidimos poñer en marcha unha campaña de adopción co lema A amizade non se compra. Podedes vela en medios de comunicación ou nos minipuntos limpos situados xunto ao Centro Comercial Bergantiños, nas Catro Portas ou na rúa Fomento, onde periodicamente se van colocando anuncios con fotografías dos nosos cans e cadelas. E tamén organizamos a pasada primavera unha visita guiada a esas dúas instalacións que repetiremos en datas próximas. Sen embargo, a Canceira Municipal está aberta a calquera persoa interesada os xoves e os sábados en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00.

Dende o Concello de Carballo, como dende o resto dos concellos galegos, vense reclamando a implicación da Xunta de Galicia no sostemento deste tipo de centros, xa que a lei non establece ningunha contraprestación nin apoio ás arcas municipais. Neste sentido, a Fegamp adoptou o seguinte acordo: “Pedir á Xunta que se resolva en coordinación cos concellos e Deputacións a problemática actual dos animais abandonados mediante a construción das canceiras necesarias en cada unha dás 4 provincias mediante vías de cofinanciamento polo elevado aumento do custo do servizo para vos concellos”.